
Un dos grandes problemas de Galiza é o do avellentamento da poboación, sobre todo na zona rural. Neste sentido outro dos grandes problemas que existen é o de non dispoñer de prazas suficientes nos xeriátricos para atender a demanda. Hai poucas residencias e moitas delas teñen uns prezos prohibitivos. A nova política da Xunta promovida pola Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar tenta poñerlle fin a esta eiva por medio da posta en marcha de novos centros para os nosos maiores onde máis falta fan: nos concellos rurais. O BNG local leva insistindo máis de cinco anos en que o Pazo da Marquesa é un emprazamento perfecto para este cometido.
Tivo que producirse un cambio de goberno na Xunta de Galiza e que o Bloque chegase ao poder para que o organismo autonómico mostrara sensibilidade ante as cuestións de interese social.
O BNG de San Sadurniño leva cinco anos propoñendo a utilización pública dos xardíns do Pazo da Marquesa e pedindo que se convertese o edificio en residencia para persoas maiores. En setembro do ano 2000, posteriormente en outubro do 2002 e en decembro do 2004, o BNG presentou mocións relacionadas con estes dous puntos que contaron co respaldo unánime do Pleno.
Neste tempo, os concelleiros nacionalistas incluso lle tiveron que dicir ao alcalde cales eran as portas nas que había que petar malia que a Xunta aínda estaba en mans do PP. En concreto explicóuselle ao grupo de goberno nun Pleno que a por aquel entón Conselleria de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, asumira novas competencias vinculadas cos maiores e coas persoas con discapacidade, antes pertecentes á Conselleria de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
Entre os obxectivos que se marcara daquela a Xunta figuraba o de continuar desenvolvendo a Plan Galego de Persoas Maiores 2001-2006, co que se tentaba posibilitar que este colectivo unha vida independente no seu contorno natural. Este programa plurianual prevía un importante crecemento dos proxectos dirixidos a estas persoas e un aumento na oferta de prazas residenciais.
O cambio do goberno na Xunta trouxo aparellado un cambio de estratexia pero sen perder de vista os obxectivos e agora parece que o alcalde por fin se decata de que o BNG local e nacional estaban no bo camiño e que debe contar con el para levar adiante un proxecto coma o da rehabilitación do Pazo da Marquesa como residencia de anciáns.
De feito, en cumprimento das encomendas que lle fixo o Pleno a proposta do BNG, Constanino Bedoya reuniuse recentemente co Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, para falaren das políticas de benestar social relacionadas cos maiores.
Neste sentido, o Vicepresidente da Xunta asinou recentemente con Caixa Galicia e Caixanova un convenio para a construción de cinco novos xeriátricos entre este ano e o que vén con máis de mil novas prazas e un investimento total de 35 millóns de euros.
Para non perder esta oportunidade que ofrece a nova política social do departamento dirixido polo nacionalista Anxo Quintana, os concelleiros do BNG pedíronlle ao acalde que organizara unha visita institucional á que asista a delegada provincial de Vicepresidencia, a tamén nacionalista Tereixa Novo para visitar o noso Concello e ver as instalacións do Pazo da Marquesa.
Desde o Grupo Municipal do BNG afirmaron que se o alcalde non atendia a súa petición nun tempo prudencial, seria o propio BNG quen realizara a invitación institucional. Ademais, o Bloque tamén instou ao alcalde a axilizar as negociacións para a cesión pública do Pazo.